A poesía na Chaira
“Un pobo que perde a memoria dos seus homes
é un pobo que perde a memoria de si mesmo”
XOSÉ CHAO REGO
Francisco Riobarja afirmaba que todo o fluír da Chaira se caracteriza polo seu ritmo lento e maduro, que configura unha paisaxe silente, de beleza serena e suave.
Para os poetas chairegos, a Chá ten un aspecto nostálxico e conmovedor, cunha nota de melancolía agrandada pola dureza do ceo cuberto de brétemas que dulcifica o ánimo de chairegos e chairegas.
Tanta importancia ten a poesía para esta comarca natural que Paco Martín mesmo coida que a Terra Cha non existía como tal antes de que Manuel María escribise o libro de versos que lle dá nome, Terra Cha, a Biblia poética da comarca máis grande do país galego:
A Terra Chá somentes é:
un pobo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceio chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
E é que a Chaira “sofre e cala “con Manuel María de Outeiro de Rei, pero tamén ten “agros inmensos que veñen e van”, no verbo entrañábel do vilalbés Chao Ledo, e convértese na “longa Chaira dos ventos, sen vales e sen serras” de Darío Xohán Cabana, o vate de Roás. Pero a nómina de poetas chairegos continúa: Crecente Vega, Iglesia Alvariño, Díaz Castro, Francisco de Fientosa, Margarita Ledo, Rábade Paredes, Fernán Velho.
Esta marabillosa herdanza vese acrecentada co importante aporte literario dos poetas vilalbeses, encabezados por Chao Ledo-o máis vello dos grandes- seguido por Mato Vizoso-cronista oficial de Vialba-, García Hermida- secretario da 4ª das Irmandades da Fala, fundada en Vilalba en 1916-, Carmiña Prieto Rouco-“a poeta”, autora do “Himno da Terra Cha” ou do poema “Sempre en Villalba”- ou Garcia Mato,“O Guedelliñas”,… nómina que se acrecenta día a día cos máis novos Mª Xosé Lamas, Rafa Yáñez Jato, Pilar Maseda, Miguel Barrera.
LEMBRANZA E HOMENAXE AOS POETAS VILALBESES
¡Eu sentín nun arboredo
a voz do vento cantar
os poemas de Chao Ledo
como quen vai namorar!
Cantaba o vento fermoso
no medio da soedá
versos de Mato Vizoso
á romaxe de Tardá!
Baixo a floresta florida
decía o bris cantador,
¡versos de García Hermida
con xeito de reiseñor!
Poemas da Prieto Rouco
a voz do vento traguía,
¡meu corazón como louco
con desacougo batía!
E os versos do “Guedelliñas”
-Xosé Luís García Mato-
¡con un chiar de anduriñas
e un murmurar de regato…!
MANUEL MARÍA
Eu son terra de ti, Chairiña anterga,
Terra Chá, terra miña, meu amor.
Eu son terra de ti, de ti estou feito.
Feito estou da túa lama e da túa pedra,
da túa luz, da túa sombra, da túa herba,
da iauga dos teus ríos, do teu ferro,
e da fariña con que fan na chaira
o mouro, arrecendente, pan centeo.
Eu son de frol de toxo e frol de xesta,
de carqueixa, de buxo, de salgueiro,
madeira, son madeira,
dos arbres que en ti nacen
i en ti medran.
Eu son terra de ti, terriña amada,
Terra Nai, Chaira longa, miña terra!
XOSÉ LUÍS GARCÍA MATO, “O Guedelliñas”
”
Branca, cun manto tenro
esperta a alba.
Cae en silencio
e acompasada a neve maina.
A terra branda
sente a pureza no seu adentro.
Exhala o inverno o frío alentó
co que aletarga
árbores núas de ponlas cansas.
Transcorre o tempo
que vai tinguindo brillantes canas
no loiro veo
que engalana verdes acacias.
Calan os chíos
que á primavera xa espertaran.
E a luz en fíos
sae dos nubeiros que se desprazan
lentos e tímidos.
Febreiro avanza
xélido e longo con toda calma.
Mº XOSÉ LAMAS
XOGO DE PALABRAS
Un sorriso meu
que quere ser teu
para que veñas a min.
Un bico meu
que é para ti
que queres ser meu.
Unha palabra túa
que quere ser miña
para chegar a ti.
PILAR MASEDA
OS HUMORES DE MADAMA
Obviando o tempo
para danzar seductoramente
namoroume, Madama, un día,
hai anos…
*
Madama, vostede ría en noites frías
cando era dona de suores cálidos.
Tiña un ambigú no ventre
e un sotaque sen ortografía.
Foi dona do murmurio esvaído
da súa senlleira presenza,
e rouboume una mirada torva
para trocala polo voo d mil andoriñas servicias.
Madama, vostede choraba en nopites cálidas
cando era dona de ceos fríos.
Tiña una bolboreta na pube
e a dozura tallada nas mans.
Foi dona da miña gaiola
máis escura e descoñecida,
e vendeume polo bico alcohólico
dunha alevosía sen nome.
Madama, vostede ri e chora sen tino,
por iso sofre en silencio a súa propia existencia.
*
Duplicando a figura,
para explicar sinxelamente
xeometría, reciba, madama,
saúdos dende Roma.
RAFAEL YÁÑEZ JATO
Que lento e pesado
é facer que se queimen os días,
que o tránsito
defina a estreitura da fiestra,
que non haxa perfumes,
máis ben velorios
nas noctámbulas follas esquecidas.
Tomo por defensa
unha gaiola, a cadea
de vida que latexa.
MIGUEL BARRERA
